Un expediente informado pola Deputación recomendaba en decembro do 2023 levar o asunto ante a fiscalía. A petición da vítima, en xuño, de apertura dun novo expediente aínda non foi contestada polo goberno municipal.

A Coordinadora local de Compostela da Marcha Mundial das Mulleres quere trasladar á opinión pública a denuncia do que considera violencia machista institucional por parte do goberno municipal do Concello de Padrón e, nomeadamente, o Alcalde Anxo Rei e a Concelleira de Igualdade, Mariló Seco.
No pleno do pasado mes de setembro, este alcalde intentou, afirman desde a MMM, “baixo ameazas veladas que non se expuxera a súa deixadez e incompetencia” ante o caso de acoso sexual que está a sufrir unha traballadora deste concello desde hai anos por parte doutro traballador do concello.
Os feitos
Este caso de presunto acoso sexual ven sendo denunciado pola vítima desde o anterior mandato que rematou en xuño do 2023. Prodúcese entre dous traballadores do concello que a día de hoxe están separados na casa do concello o que non impide que, presuntamente, se sigan producindo os feitos. Durante ese anterior período non se tomou ningunha medida.
Coa novo goberno abriuse un expediente que foi trasladado aos servizos xurídicos da Deputación que nomeou un instrutor. Un informe da Deputación de decembro do 2023 afirma presuntamente que as probas eran tan contundentes que o casi debería enviarse á fiscalía.
Ao marxe do concello o caso acabou nos xulgados polo que expediente administrativo quedou paralizado ata existir unha sentencia sobre a cuestión. A vítima, que presuntamente seguiu sufrindo acoso, presentou un novo escrito por rexistro en xuño de este ano pedindo a apertura dun novo expediente ao tempo que presentaba unha nova denuncia na Garda Civil.
Aínda que como compañeiros de traballo foron separados o presunto acosador non deixou en todo este tempo de buscar á acosada, encontros dos que a vítima garda audios e imaxes como proba.
O pleno
A vítima non recibiu resposta, a súa petición de apertura dun segundo expediente, desde o goberno municipal. No pleno do pasado día 30 a concelleira do BNG Beatriz Rey preguntou por este caso e lembrou que o código de intervención para este tipo de situacións, aprobado en este mandato, indica que ante unha denuncia a vítima tería que recibir unha resposta nun máximo de cinco días.
Rey denunciou tamén que o presunto acosador acompañou ao alcalde e á concelleira de obras nun acto público no que participaron menores o que non lle parecía adecuado.
O alcalde, Anxo Rey, non dou explicación a porque non recibiu resposta a petición de apertura dun segundo expediente amparándose en que xa existía un expediente paralizado por un xuízo en curso.
Cando a concelleira do BNG mostrou unha imaxe , publicada nas redes sociais do concello, do acto no que participara o presunto acosador o alcalde insistiu en que iso era ilegal xa que estaba desvelando datos desa persoa en público e iso infrinxía a presunción de inocencia. A secuencia completa da pregunta e resposta e o debate aberto no pleno a poñemos a continuación; trátase dun extracto dunha gravación do BNG de Padrón xa que os plenos non son retransmitidos como sucede en moitos concellos.
A denuncia da Marcha Mundial das Mulleres
Desde a Marcha Mundial das Mulleres indican que “lonxe de tentar resolver, como responsábel máximo do persoal do concello, a situación de violencia machista que padece esta traballadora, desviou a súa responsabilidade á Deputación Provincial cando a traballadora denunciou por primeira vez, e agora volve facer deixadez e mira para o outro lado, ao escudarse en que o caso está pendente de xuízo para seguir sen actuar ante novas agresións que está a padecer esta muller e que denunciou de novo diante do concello, onde traballan tanto ela como o seu acosador”.
Engaden que o que se constata diante destas actitudes é que mentres o caso está pendente de xuízo a traballadora está totalmente indefensa e desprotexida, e o acosador sexual ten o amparo do Alcalde para poder seguir acosando.
“En ningún momento”, aseguran desde a Marcha Mundial das Mulleres, “o Alcalde se molestou en saber como se atopa a vítima, nin abriu expediente para investigar ou executar medidas preventivas e de protección para esta muller”. “Para Anxo Rei”, aseguran “a presunción de inocencia está por riba da protección á vítima”.
Desde a MMM exixen ao alcalde de Padrón “o máximo respecto ás vítimas de violencias machistas, e o máximo respecto ás defensoras das mesmas”, e instan “a que tome as medidas precisas para por fin ao acoso e agresións contra esta muller ou calquera outra”.
