Compostela, 10 de novembro do 2023 – Chega a terceira xornada do Outono Códax Festival co considerado pola crítica americana un “discípulo aventaxado de Neil Young”, Dylan Leblanc.
A partir das oito e media da tarde estará no Riquela este artista nado en Luisiana en 1990, Dylan Leblanc creceu dacabalo entre Texas e Alabama, o cal deixou unha profunda pegada na súa música.
Leblanc é hoxe en día un dos principais e máis destacados expoñentes do renovado xénero da Americana. Artífice dun country-folk delicado e artesanal executado cunha elegancia sedosa e non exento de melancolía.
Da repercusión que están a alcanzar os seus traballos da fe o feito de que xa fose considerado pola crítica musical norteamericana como “o novo Neil Young”. Unha etiqueta que sen dúbida ten os seus riscos en tanto que pode soar grandilocuente pero que se entende á perfección en canto escóitanse os seus discos ou os seus directos.
Dylan Leblanc chega ao Outono Códax dúas semanas despois de publicar o seu último disco, Coyote, o quinto da súa traxectoria. De feito presentará este álbum en directo en Santiago mesmo antes de facelo en EE UU, onde realizará unha intensa e extensa xira nos primeiros meses do próximo ano.
Bo comezo do Outono con Sunny War e Pokey Lafarge
O Outono Códax Festival comezaba o pasado día 3 cun concerto de Sunny War. Unha cita intimista no Riquela na que destacou a súa voz e o seu xeito de tocar a guitarra. Con constantes brincadeiras entre Sunny e o batería por conta da cidade e a chuvia.
Ao día seguinte Monboi abriu o concerto de Pokey Lafarge na Capitol. Os galegos despregaron o seu repertorio e foron pouco a pouco caldeando o ambiente aínda que a súa música préstase mais para o “agarrado” que para bailar solto.
As dez subía ao escenario un Pokey Lafarge que conquistou a unha sala chea desde o primeiro minuto. Forza, calidade e moitas ganas é o que pon Pokey e a súa banda sobre o escenario. Un xeito moi especial de cantar que acaba por atrapar ao espectador.
Tras o concerto de Dylan Leblanc teremos que esperar ata o 22 para unha nova cita do Outono con Kassi Valazza.