Óscar Vilar, veciño de O Pino, critica a carta enviada ós domicilios pola empresa que pretende volver abrir a Mina Afirma que, “Cobre San Rafael está apelando a unha cuestión de fe, sen mostrar garantías e co beneplácito dos Alcaldes de Touro e O Pino”
En O Pino, a 3 de marzo de 2018. Tras a masiva e multitudinaria protesta, do pasado 25 de febreiro, en contra do proxecto mineiro presentado pola sociedade Cobre San Rafael, a empresa, como era de esperar, comezou a reaccionar.
Aínda non ben rematada a protesta comunicaba a apertura de dúas oficinas de información sitas en: Arca e Touro. Ao mesmo tempo, comezou a enviar unha carta informativa ós distintos domicilios de ambas localidades.
Óscar Vilar, veciño de Arca-O Pino e concelleiro do Grupo PSdeG-PSOE, destaca que este envío epistolar só se cimenta no “prometo e podo prometer”. Ante un proxecto desta envergadura, esta misiva non é máis ca unha simple declaración de intencións sen máis fundamento. Vilar lamenta que non se aproveitara a carta para informar á veciñanza da misión que tiña o famoso helicóptero e que facía en Loureda (Concello de Boqueixón) o día que o seu xeoradar bateu cos eucaliptos.
“Cobre San Rafael está apelando a unha cuestión de fe”
Dende, que o pasado 25 de agosto cando saíu a exposición pública o “Proxecto Mineiro Touro-O Pino” promovido pola sociedade Cobre San Rafael (participada pola galega Francisco Gómez y Cía., S.L. e a chipriota Atalaya Mining), as voces en contra non pararon de medrar. Voces, formadas polas distintas, plataformas, colectivos, asociacións e veciños e veciñas da cunca do Ulla.
Unha gran oposición social que o conselleiro delegado de Atalaya, Alberto Lavandeira, atacou recentemente na prensa, declarando que as argumentacións en contra do proxecto se baseaban “en algo etéreo”. Declaracións, que segundo Vilar molestan aos veciños/as independentemente da idea que teña cada quen, “temos varios informes sobre a mesa, e todos son, en maior ou menor medida, contrarios ao proxecto. Ditos informes non son nin etéreos nin efémeros” engade Vilar. Cobre San Rafael está apelando tan só a unha cuestión de fe, sen mostrar garantías e co beneplácito dos Alcaldes de Touro e O Pino, recalca.