Compostela, 15 de maio do 2019 – Os traballadores do aeroporto Rosalía de Castro seguen coas denuncias e protestas polo peche da cantina de persoal da instalación hoxe organizarán un pícnic simbólico.
A marcha partirá ás 11:30 da rotonda do aeroporto e finalizará na terminal compostelá co pícnic para denunciar a situación. Denuncian tamén a negativa do director do aeroporto, Ricardo Navarro, a se reunir coa representación legal do persoal, malia que a primeira petición de xuntanza data de hai case un mes, o 17 de abril.
Ante a negativa deste responsable de AENA, pediuse unha xuntanza co director dos aeroportos do grupo 2 no que se encadra o Rosalía de Castro, Julián Cámara, quen remitiu unha carta declinando a xuntanza e «facendo preocupantes consideracións sobre o futuro da cantina». Segundo este escrito, AENA prevé unicamente dar unha puntuación adicional ás empresas que lles fagan prezos especiais aos traballadores e traballadoras, pero de xeito ningún garante que sexan os prezos actuais. Así mesmo, tampouco desbota a posibilidade de que o servizo de cantina quede sen licitar.
