Compostela, 21/05/2026 O deputado por Pontevedra Luís Bará reclamou ao conselleiro de Traballo, José González, un compromiso real da Xunta na defensa dos postos de traballo da fábrica de Nestlé de Pontecesures.
Nestlé anunciou un despedimento colectivo que afecta a 27 traballadores e traballadoras, o 14 % do cadro de persoal. Bará asegura que “O que a Xunta fixo até o de agora foi practicamente nada”.
Representantes dos traballadores de Nestlé Pontecesures asistiron a unha sesión no Parlamento de Galicia. Estiveron acompañados pola alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino, e membros do BNG na comarca
Bará reclamou “feitos” ó Goberno de Rueda para salvar o emprego na Nestlé e, como primeiro paso, emprazou o titular de Traballo a reunirse coas persoas traballadoras que precisan o apoio da Administración galega para frear un expediente de regulación de emprego que é, subliñou, “absolutamente desproporcionado e inxustificado”.
Só en España e só o ano pasado, a multinacional, que alega “razóns organizativas” para os despedimentos, tivo uns beneficios de case “tres mil millóns” de euros, precisou. “É absolutamente indecente que mentres a multinacional obtén estes beneficios millonarios os traballadores e traballadoras estean vivindo unha situación de angustia, porque de un día para outro poden verse na rúa sen traballo e cunha idade que lles vai dificultar poder buscar outro posto laboral”.
Bará amosou o total apoio do BNG ás reivindicacións do cadro de persoal de Nestlé e ás súas mobilizacións, incluído o paro indefinido previsto a partir do día 1 de xuño. “Tamén vostedes ̣—díxolle ao conselleiro— deberían respectar e apoiar estas accións, que son as ferramentas que ten a clase traballadora para defender os seus intereses e facer presión diante da multinacional”. Xa na quenda da réplica, o deputado nacionalista recriminoulle ao conselleiro que o “marco legal regrado” no que se parapetou durante a súa resposta é precisamente a reforma laboral aprobada polo PP en 2012, una reforma que, salientou, “fai que a empresa teña todo o poder e que os traballadores estean absolutamente vendidos ou que a autoridade laboral non poida paralizar un ERE que non está xustificado por razóns económicas e que as indemnizacións aos traballadores sexa de 20 días por ano traballado cun máximo de doce mensualidades”.
