Ames, 22 de decembro do 2016.- O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, achegáronse ata o IES do Milladoiro para asinar co director deste instituto, Víctor Santidrián, un acordo de colaboración experimental, que consistirá en atender ao alumnado que incorra reiteradamente en condutas disruptivas e/ou ao que se vexa privado temporalmente do seu dereito de asistencia ao centro, como consecuencia da aplicación dunha sanción.
Deste xeito, dito alumnado poderá realizar traballos para a comunidade nas dependencias municipais co obxectivo de atender ás necesidades da cidadanía, baixo a consideración de actividades formativas. Este proxecto, que é unha proba piloto, articúlase como unha colaboración conxunta entre ambas as entidades.
Desde o IES do Milladoiro enténdese a educación como un proceso no que debe estar involucrada toda a sociedade e as súas institucións, en especial, a da localidade na que o centro desenvolve o seu labor. Por este motivo, no curso 2015/2016 creouse a Rede do IES do Milladoiro como punto de encontro das institucións e organizacións coas que colabora o centro, entre as que a participación do Concello de Ames é fundamental. Seguindo esta premisa, ambas institucións acaban de chegar a un acordo para levar a cabo un programa experimental (unha proba piloto), a través do cal se vai a tratar de que o alumnado que sexa sancionado poida realizar traballos comunitarios nas dependencias municipais.
Deste xeito, o alumnado que incorra reiteradamente en condutas disruptivas e/ou o que se vexa privado temporalmente do seu dereito de asistencia ao centro como consecuencia da aplicación dunha sanción (artigo 19 da Lei de convivencia e artigo 24 do referido Decreto 8/2015), terá que realizar traballos para a comunidade nas dependencias do Concello para atender ás necesidades da cidadanía. Ditos traballos terán sempre unha consideración de actividades formativas.
O Concello de Ames proporcionaralle ao IES do Milladoiro unha relación coas dependencias e actividades dispoñibles para que o alumnado sancionado realice traballos, a modo de actividades formativas, para a comunidade. Estes traballos non poderán supor relación laboral algunha nin tampouco risco físico ou psicolóxico para o/a alumno/a sancionado. Asemade, dende o Concello ofrecerase información relativa ao departamento (persoas responsables) onde o alumnado realizará ditos traballos, así como das actividades que terá que desenvolver.
O IES do Milladoiro será o encargado de proporlle ao Concello o nome da persoa e a duración da sanción durante a que o/a sancionado/a realizará traballos para a comunidade. Entre ambas partes, e baixo ás indicacións dos técnicos de Servizos Sociais (mediador intercultural e educadora familiar), en función da sanción e o perfil do alumno/a, acordarase a actividade a realizar. Esta medida desenvolveranse preferentemente durante a xornada lectiva aínda que de ser o caso, tamén podería ser fóra de horario lectivo. Durante o tempo de cumprimento da sanción, o Concello de Ames custodiará á persoa sancionada, pero será o pai/nai/titor legal, quen asumirá as responsabilidades que da actuación do/da alumno/a se deriven.
Seguimento do alumno/a
Por outra banda, durante o período da sanción haberá un seguimento do alumno/a por parte do Concello de Ames, que lle remitirá ao IES do Milladoiro un informe final coa valoración do traballo realizado polo alumno/a sancionado/a. O alumno/a tamén terá que facer unha valoración sobre o que supuxo para el ou ela o desenvolvemento desta actividade. Este proxecto articúlase como unha colaboración conxunta entre ambas as entidades.
O alcalde de Ames, José Miñones, agradece “a labor que dende o IES do Milladoiro se está a facer na procura de atopar solucións aos problemas do alumnado. Sabemos as dificultades que isto pode ter, pero esperamos que coa colaboración de todos esta nova iniciativa poida ter o éxito agardado”.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destacou que “con este proxecto pretendemos que o alumnado que participe del, adquira una adecuada interiorización do reproche social sobre a súa conduta e das consecuencias da mesma, que redundarán nunha mellor integración na comunidade educativa e con elo no desenvolvemento das actividades do centro”.
O director do IES do Milladoiro, Víctor Santidrián, explica “que se trata dun proxecto piloto. Temos casos puntuais de alumnos/as con condutas complicadas e a norma contempla que a máxima sanción que se lle pode aplicar é a da expulsión. Consideramos que está non é a sanción máis axeitada e pensamos que hai que buscar unha alternativa máis educativa para que estes alumnos/as se enfronten a outras realidades. Pensamos que enfrontarse a outras realidades pode ser educativo e para que este alumnado poida reflexionar sobre a súa conduta. Isto que é un proxecto experimental só pode realizarse se a familia do alumno/a está de acordo”.
Rede do IES do Milladoiro
Por outra banda, o IES do Milladoiro está levando a cabo reunións trimestrais nas que participan diferentes entidades e asociacións (CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, Garda Civil, inspección educativa, asociación e empresariais, Igaxes 3, Concello de Ames, etc), para poñer en común os proxectos que cada unha desta entidades está desenvolvendo. A última xuntanza da Rede do IES do Milladoiro tivo lugar o pasado 2 de decembro.