Ames, 8 de decembro do 2018 – Os sindicatos CCOO e CSIF veñen de publicar hoxe mesmo unha nota de prensa na que critican a contratación de cinco auxiliares no concello de Ames.
A nota emitida sobre os auxiliares a publicamos de xeito íntegro a petición dos propios sindicatos
Despois de meses de conflito coa policía local en Ames por incumprimentos do alcalde na súa adecuación salarial, este, con total descoñecemento e falta de rigor, realiza a contratación de cinco auxiliares con 40 horas lectivas de formación, para que liquiden os problemas de seguridade no Concello, todo iso sen a previsión e dilixencia necesaria; tendo que permanecer encerrados en dependencias policiais, ao carecer da uniformidade correspondente e resto de equipamento.
Por todo o exposto anteriormente queda de manifesto a incapacidade do seu goberno para arranxar un conflito laboral que leva máis de 4 meses; así como a súa incompetencia e malgasto, xa que os veciños de Ames teñen que pagar o vestiario e cinco nóminas máis a estes auxiliares, sen que estes a día de hoxe poidan prestar os seus servizos na vía pública e realizar as súas funcións, xa que carecen de todo tipo de vestiario e material habilitado legalmente para iso. Tamén mencionar que, tal e como dita a Lei reguladora, teñen que estar supervisados por un funcionario policial durante o servizo,tendo taxadas as súas funcións de apoio/auxilio, e nunca en substitución dos mencionados policías.
Toda esta incompetencia e malgasto está a traducirse na inseguridade que esta vivindo Ames, tanto por roubos en vivendas, deterioración do mobiliario urbano, como por delitos contra a seguridade do tráfico, vehículos mal estacionados, etc. Conflito por outra banda que non ten visos de chegar ao seu fin, debido a que ao contrario do que sería obrar con sensatez nestes casos, onde se presupoñen escenarios de diálogo e negociación, impera por parte do goberno de Ames o inmobilismo, deixamento, desidia, e mesmo as presións económicas aos traballadores en situación de ILT (incapacidade laboral temporal), encubertas pola ausencia de pagos de retribucións que nada teñen que ver na xestión administrativa das baixas.
Todo isto fai ver que, o que outrora foi parte do discurso dos dirixentes de Ames, en canto a portas abertas a posibles demandas e reclamacións, diálogo fluído cos seus traballadores, e xestión efectiva baseada na contención de gastos, volveu a mutar, en aras do poder que outorga un cargo público, na xestión dunha facenda onde o señor feudal fai e desfai ao seu antollo, eliminando a todo aquel que non diga ver o vestido novo do rei (…)
Ames, 8 de decembro de 2018
Os representantes sindicais
CCOO – CSIF