Oroso, 30 de decembro do 2020 – Como Magos que son os Reis de Oriente estarán o día cinco en moitos concellos e no caso de Oroso as autoridades municipais os convidaron a quedarse todo o día.

Os Reis aceptaron estar de 10 a 14 horas e de 16 a 20 para que ningún neno se quede sen poder falar con eles, facerse unha fotografía de recordo e recibir un agasallo. A recepción terá lugar no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro, respectando todos os protocolos e recomendacións sanitarias.
O acceso ao pavillón estará regulado en todo momento, polo que non é preciso inscrición previa. Unha vez no interior haberá un tempo para saudar dende a distancia ao Rei Mago elixido. Os cativos poderán estar acompañados dunha ou dúas persoas como máximo.
Vanesa Boo, Concelleira de Cultura, explica que “Vivimos un Nadal diferente, pero temos claro que non podemos perder a maxia para os nenos e nenas; pola situación epidemiolóxica non podemos celebrar a cabalgata, pero os Reis Magos estarán en Oroso como cada ano para facer felices aos máis pequenos”.