Teo, 19 de abril do 2021 – A Concellaría de Cultura de Teo programa a mostra “Os libros da nosa vida” para celebrar o Día do libro.
“Os libros da nosa vida” estará exposta no Auditorio Constante Liste, na Ramallosa. Pódese visitar desde este luns, 19 de abril, ata o vindeiros día 24.
Segundo explican dende a área de Cultura “nunha época profundamente tecnificada, o obxecto libro segue a manifestarse como un formato de extraordinaria resistencia e vixencia, malia non ter xa o monopolio na divulgación do saber e o coñecemento”.
A mostra “Os libros da nosa vida” propón unha viaxe por algunhas obras que acompañaron a distintas xeracións e a relación que estas tiveron con elas. Está formada por unha pequena escolma de volúmenes pertencentes ás bibliotecas municipais que se consideran significativas na formación de persoas lectoras ó longo dos últimos anos.
A mostra divídese en distintas seccións como os libros que nos formaron como lectores no que se verá unha selección de edicións infantís e xuvenís que marcaron os hábitos lectores. Alí están dende as aventuras de Teo ata as viaxes dos Bolechas, de Antoñita la Fantástica ao Diario de Greg.
Outro dos espazos é o dedicado aos libros para coñecer o mundo. En este apartado atopamos libros de texto e informativos que permitiron abrir as mentes ó coñecemento. Manuais editados en distintas épocas sobre os máis diversos temas e que funcionan como a pegada dos cambios na visión que tivemos do mundo que nos rodea.
Libros para coñecer outros idiomas. Diferentes métodos de aprendizaxe de idiomas e obras noutras linguas que configuraron a nosa relación con outras culturas e países.
Libros que fan voar a imaxinación. Obras que a través da súa edición e formato amosan o coñecemento con deseños orixinais. Libros de distintos tamaños, con ilustracións artísticas, despregables, con sons incorporados…
“Trátase pois dunha restrospectiva que agardamos que esperte a curiosidade e estamos seguros de que a moitas das persoas que a visiten traeralles altas doses de nostalxia” indica a concelleira Mayte Argibay.
Os horarios de visita serán de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas. O venres 23 tamén poderá visitarse en horario de 17:00 a 19:00 horas e o sábado 24 o horario será de 11:00 a 14:00 horas.
Paralelamente a esta actividade realizarase unha solta de libros no Auditorio Constante Liste. Estará formada por libros doados ás nosas bibliotecas e que por adecuación ás coleccións ou duplicidade non pasarán a incorporarse aos fondos municipais. Estes libros poderán levarse de balde sen necesidade de devolvelos.
As soltas serán o venres 23 de 17:00 a 19:00 horas e o sábado 24 de 11:00 a 14:00 horas.
