Bisbarra, 1 de xuño do 2019 – Aínda sen que se teña claro que tempo teremos os concellos, como cada xuño, preparan a apertura das piscinas.
Ordes e Ames foron dos primeiros en anunciar a data de apertura das piscinas que será o próximo 15 de xuño. En Ordes comezouse este venres a repartir os primeiros carnés de acceso e Ames abre o proceso o próximo luns día 3.
Ordes e a piscina do Muiño
A piscina municipal do Muíño abrirá ata o 8 de setembro. Para recoller o pase de acceso é preciso unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas adultas (de 16 anos en adiante) o custo para todo o verán é de 20 €, e de 12 € no caso das menores. Tamén se poden adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 €, agás nos meses de xuño e setembro que se verán reducidas (3,20 e 6,40 €; 1,60 e 3,20 € respectivamente). Os prezos das entradas por xornadas soltas será de 1,50 € (persoas adultas) e de 1 € (nenos e nenas).
Tamén está aberto o prazo para os cursos de natación, cuxa idade mínima para poder participar sitúase nos 3 anos. As clases impartiranse nas mesmas instalacións ao longo dos meses de xullo e agosto, tendo de prazo para apuntarse ata o 20 de xuño. O prezo estipulado mensualmente é de 30 € para as persoas adultas (a partir dos 16 anos) e de 20 € para menores (ata 15 anos). As clases terán lugar de luns a venres en horario de mañá, sempre e cando se acade un número mínimo de inscricións.
Todas as tarifas se reducirán nun 50% para as familias numerosas.
Ames por partida dobre
O Concello de Ames abre o luns o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro. Os interesados/as poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, no teléfono 981 535 940, ou na Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello), no teléfono, 619 842 504, en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas. Tamén se pode descargar o impreso premendo no seguinte enlace. O prezo dos carnés oscila entre os 5 e os 20 euros dependendo das circunstancias de cada usuario/a. O único requisito imprescindible é estar empadroado no Concello de Ames.
Para solicitar a tarxeta de usuario é preciso presentar a solicitude cuberta, unha foto actualizada orixinal tamaño carné por cada usuario novo ou carné do ano anterior se fose o caso, e a folla de autoliquidación selada pola entidade bancaria. Esta última poderá solicitarse nas oficinas de recadación ou no correo electrónico ames@canaltributos.com.
Para este verán, ofértanse varios tipos de abono: o familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos menores de 18 anos, e engadirá aos fillos menores de 25 anos cando estes non dispoñan de ingresos propios) que custará 20 euros; o individual para toda a tempada, de 14 euros, e o abono de tempada para menores de idade, de 7 euros. Tamén haberá abonos mensuais, de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos, ademais de facilidades para familias numerosas e con poucos recursos. Neste sentido, o terceiro irmán/a en abono, menor de 18 anos, terá unha redución do 50%. Os menores de 4 anos quedan exentos de pago.
A apertura das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro está prevista para o 15 de xuño. Permanecerán abertas ata o 15 de setembro, en horario de 11.00 a 21.00 horas.