Lousame, 26 de xuño do 2018 – O Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia será o eixo temático da edición número dezaseis dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame, que terán lugar do 16 ao 20 de xullo.
Os cinco días dos campamentos estarán divididos en “etapas”, se ben fisicamente a rapazada só fará un percorrido polo trazado do Camiño ao seu paso por Lousame o xoves 19 de xullo. Todas as actividades relacionadas co Camiño terán lugar a primeira hora da mañá: a orixe do Camiño (luns 16), valores da peregrinaxe (martes 17), o Camiño Inglés (mércores 18), percorrido do Portus Apostoli en Lousame (xoves 19) e trivial do peregrino (venres 20).
Polo demais, o campamentos de verán de Lousame manteñen as actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza que tanto éxito tiveron en pasadas edicións como as saídas á praia, a excursión ao Aquapark de Cerceda, os inchables, a velada nocturna ou a gran festa acuática de despedida.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “este ano quixemos aproveitar os traballos que estamos a realizar a prol da oficialización do trazado do Camiño Inglés pola Ría Muros-Noia para que os nosos nenos e nenas coñezan este itinerario Xacobeo combinando actividades relacionadas co Camiño coas tradicionais saídas deportivas e de natureza”.
Os XVI Campamentos de Verán están dirixidos a rapaces e rapazas entre os 6 e os 15 anos de idade. Os prezos mantéñense igual ca en anos anteriores: 45 euros para empadroados ou residentes en Lousame e 65 euros para os de fóra do municipio. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, sendo o polideportivo municipal Pilar Barreiro a base de operacións. As persoas participantes terán que traer o xantar e a merenda todos os días, salvo o venres 20 de xullo. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no 981 825 780.
Programa de actividades
Os Campamentos de Verán comezarán o luns 16 de xullo cun parque predeportivo e tres inchables. A partir das 16:00 horas, tarde de piscina con xogos de auga e outro inchable. O martes 17 de xullo será unha xornada de praia e surf, mentres que para o mércores 18 está programada unha excursión ao Aquapark de Cerceda para toda a xornada.
O xoves 19, tras a peregrinación da mañá, terá lugar un circuíto de orientación que dará paso a unha tarde de praia e obradoiros. Despois haberá tarde de obradoiros e praia. Ás 21:00 horas, despois de asearse, os pequenos e pequenas desfrutarán dunha cea e doutra das novidades deste ano: unha xornada de astronomía, incluída no proxecto FECYT. Tras unha baile de disfraces con karaoke, durmirán no polideportivo municipal.
Para o venres 20 repetirá unha das novidades máis aplaudidas do ano pasado: a carreira “holy run”, na que os participantes non só correrán, senón que bailarán e se empaparán de polvos de cores. Por iso recoméndase acudir esa xornada con gorra, gafas de sol e roupa vella. Pola tarde, tras unha actividade de promoción do voluntariado, gran festa de despedida na piscina con festa da escuma, tobogán de auga e deslizantes.
A alcaldesa de Lousame lembra ás familias que “a puntualidade é un requisito imprescindible, sobre todo no remate das xornadas, polo que é imperativo que os nenos/as se recollan antes das 21:00 horas, sen excepción”. Durante o campamento non se permitirá o uso de móbiles, tabletas, videoxogos nin dispositivos de reprodución multimedia por parte dos pequenos.