Compostela, 11 de marzo do 2021 – Os artistas de rúa de Compostela reclaman que se lles permita volver á actividade e denuncian a discriminación fronte a outros colectivos.
Os artistas de Compostela veñen de emitir un comunicado no que lembran que realizan actividades ao aire libre que son compatibles con todas as medidas de seguridade e da que viven moitas familias.
Desinformación
O concello de Santiago decidiu marcarse un prazo de xaneiro a marzo para que a concellaría de mobilidade creara un novo regulamento. O comunicado acusa ao goberno municipal de opacidade sobre a nova normativa das actividades de rúa. Explican que “meses despois do último comunicado que emitimos, en novembro do ano pasado, e a piques de rematar o prazo para o novo regulamento seguimos desinformados e marxinados sen ter ningunha información sobre a nova normativa”.
Sen reunións
Acusan de xeito directo ao concelleiro Gonzalo Muiños ” tras numerosas peticións de reunión xa non é que non se nos convocara, e que non recibimos resposta algunha”. Os artistas o acusan tamén de desigualdade con respecto a outras actividades de rúa como as de venda ambulante, as castañeiras ou os de xeados “con quen nos consta que se reuniron”.
O colectivo lembra ao concello que “somos cidadáns que estamos sendo vetados da posibilidade de ter voz e acceso á información que durante tantos anos desenvolvemos nas rúas de Compostela”.
Os artistas esixen unha reunión informativa “temos dereito a que se nos informe e se nos responda as nosas peticións”. Acusan tamén ao concello de priorizar outras actividades como “a venda de souvenirs de importación, de escaso valor engadido e enfocada ao turismo de masas”.
