Oroso, 17 de abril do 2017 – O Oroso de tenis de mesa ven de conseguir 5 títulos e 9 medallas nos campionatos autonómicos da especialidade.
Esta semana Santa celebráronse en Narón os Campionatos Galegos 2017 de categorías inferiores. Seis días de competición para as categorías dos máis pequenos, desde benxamín ata sub23. As mellores canteiras, procedentes de toda Galicia déronse cita no pavillón do CEIP A Solaina para disputar 3 probas en cada unha das categorías: Equipos, individuais e dobres.
A canteira de Oroso brillou con luz propia, especialmente nas categorías dos máis pequenos. En benxamín, triplete para o Oroso TM, que se fixo cos tres títulos en disputa. Na proba de equipos, gañaba na final aos locais do Narón TM por 3-1, levándose o título de Campións Galegos para Oroso. Tamén o conseguirían nas probas de individuais e dobres, coa figura de Uxío Pampín, que se impuxo na proba individual sen ceder ningún set e na proba de dobres facendo parella co xogador Alejandro do Helios Bembrive.
En canto ás mozas, Noa Rato, levaba o bronce ao chegar a semifinais xunto á súa compañeira Lorena Molina de Monteporreiro.
En alevíns, a mala sorte fixo que o Oroso TM ABANCA non puidese disputar a final, caendo en semifinais ante o Dez Portas de Lugo por un axustado 2-3. Desta forma, os alevíns, levaban un novo bronce para o seu club. Mellor foi a proba de dobres, onde a parella de orosinos formada por Martín Fernández e Gonzalo Mirás, chegaban todo o máis alto do pódium tras vencer nunha emocionante final á parella local que eran os grandes favoritos. Na proba individual Gonzalo Mirás cultivaba un novo bronce para o seu club.
Xa na proba xuvenil, Silvia Álvarez levaba o ouro en dobres facendo parella con Judit Cobas, mentres que en individual debía conformarse coa prata tras ceder na final ante a mesma xogadora por 0-3.
Con estes grandes resultados o tenis de mesa de Oroso segue consolidándose como unha das mellores canteiras de Galicia, e pensa xa en próximas citas.