Oroso, 26 de febreiro do 2021 – O concello de Oroso ve máis cerca a eliminación do tráfico en Sigüeiro ao conseguir o apoio do Ministerio para a nova circunvalación.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, obtivo en Madrid o compromiso de Fomento de converter a iniciativa da nova circunvalación de Sigüeiro en proxecto, polo que a infraestrutura será unha realidade nun prazo máximo de tres anos.

O rexedor mantivo unha reunión co director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Herrero Lizano, para concretar os detalles e prazos da nova circunvalación. A infraestrutura sairá da rotonda de saída da AP9, bordeando Sigüeiro polo oeste en paralelo á autoestrada ata conectar coa estrada que vai cara ao aeroporto.
Máis de dous kilómetros
Manuel Mirás explicou que “Será unha circunvalación de 2.242 metros e estará operativa nun prazo máximo de tres anos, polo que quero antes de nada agradecer a receptividade do Ministerio de Fomento, que entendeu que é un proxecto moi importante para Oroso”.
A circunvalación permitirá eliminar o tráfico de vehículos pesados do caso urbano de Sigüeiro, polo que aumentará a seguridade viaria, mellorará a fluidez da circulación e baixarán de forma considerable as emisións de CO2 nun tramo arredor do cal residen 4.000 veciños e veciñas.
“O proxecto permitirá humanizar o tramo da N-550 que pasa por Sigüeiro, na avenida de Compostela, gañando espazos para as persoas, co novo carril-bici que anunciamos hai uns días e favorecendo tamén aos establecementos e negocios da zona”, engade o alcalde.
Oroso foi o primeiro concello da comarca de Santiago en ter preparado o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (Paces), que implica reducir nun 40% as emisións de efecto invernadoiro no ano 2030, apostando por un municipio sostible, respectuoso co medio ambiente e cun urbanismo responsable.
