Bisbarra, 29 de xullo do 2022 – O pleno ordinario do concello de Oroso acordou eliminar a taxa de renovación dos servizos educativos complementarios.
A sesión aprobou a modificación da da ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos complementarios de educación nos CEIP do municipio. A modificación permitirá eliminar o cobro da renovación nos “Bos días cole” e no Comedor escolar.
Esta modificación, realizada a proposta da Alcaldía, deixa as tarifas de ambos servizos
do seguinte xeito:
• Servizo “Bos días cole”: os beneficiarios todos os días da semana sen dereito a
almorzo deberán pagar 30 euros ao mes cada usuario; todos os días da semana
con dereito a almorzo, 40 euros ao mes cada usuario; tres días á semana sen
dereito a almorzo, 24 euros ao mes cada usuario; e tres días á semana con
dereito a almorzo, 30 euros ao mes cada usuario; a asistencia en días soltos
con dereito a almorzo, 4 euros; e a asistencia en días soltos sen dereito a
almorzo, 3 euros.
• Servizo de comedor escolar: os usuarios con asistencia ordinaria todos os días
da semana, 55 euros ao mes cada usuario; con asistencia en días soltos, 5 euros
ao día, cada usuario.
En ambos servizos, a matrícula custará 20 euros por usuario, agás no caso de renovación da matrícula, que estará exenta. Por outra banda, a ordenanza establece que tamén quedarán exentos da obriga de pago aqueles usuarios declarados en situación de emerxencia social. Ademais, os usuarios que estean en posesión do título de familia numerosa en vigor beneficiaranse dunha bonificación das cotas do 20%.
A Corporación Municipal tamén aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización da Escola Infantil para adaptala a unha disposición adicional da Lei de Servizos Sociais de Galicia, en virtude da cal a partires do vindeiro 1 de setembro queda derogado o pago das tarifas para os nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade.