Oroso, 22 de maio do 2020 – Oroso da un paso adiante na procura da conciliación familiar e dará un servizo gratuíto aos pais que deban incorporarse presencialmente ao seu posto de traballo e non poidan coidar dos seus fillos.
A decisión aprobouse na reunión telemática mantida por tódolos portavoces municipais e na que, ademais da conciliación familiar, revisáronse as medidas establecidas pola crise do Coronavirus.
Oroso leva investidos 73.400 euros en material de protección e limpeza para o comercio e a cidadanía en xeral. O concello destinou ademais 44.000 euros a Servizos Sociais, un departamento que se reforzará coa contratación dun novo administrativo durante o tempo que dure a pandemia. Haberá tamén unha ampliación da subvención a Protección Civil para o desenvolvemento de diferentes tarefas de axuda.
Con respecto ás medidas económicas e fiscais, Oroso estudará exencións nas taxas de lixo, auga e IBI para os sectores máis afectados pola crise sanitaria.
Promoción do Comercio e a hostalería
Haberá ademais unha campaña de promoción do comercio e a hostalería local. A finais de verán, analizarase a posibilidade de recuperar algúns dos eventos cancelados e hai outras iniciativas en estudo, como unha plataforma de promoción para os establecementos do municipio.
O POS para gasto corrente
Por último, o concello destinará os 150.000 euros do plan adicional do POS da Deputación a gasto corrente. “É a primeira vez que Oroso destinará unha partida do plan único a gasto corrente, pero somos conscientes das necesidades derivadas da pandemia e consideramos axeitado facelo”, explica o alcalde Manuel Mirás.