Bisbarra, 11 de outubro do 2022 – O concello de Oroso colleitou un gran éxito na súa primeira Semana Solidaria coa recollida de case unha tonelada de alimentos non perecedoiros.
A semana solidaria rematou cun partido benéfico que reuniu a unhas duascentas persoas. Enfrontábanse políticos do concello con facianas coñecidas da TVG. O encontro rematou cun resultado de 9 a 3 a favor do equipo da TVG. Os goleadores foron Federico Pérez (3), Adrián Díaz (2), Terio Carrera (2), Xosé A. Touriñán (1) e Fran Cañotas (1). Por parte dos políticos locais marcaron Luis Rey, Fernando Gutiérrez e Jonatan Rey. Afortunadamente, non houbo lesións e non foi necesaria a participación da fisioterapeuta Begoña Alonso Basalo, que tamén colaborou solidariamente no evento.
Os 1.000 quilogramos de alimentos non perecedoiros serán repartidos en vindeiras datas polo Departamento de Servizos Sociais a familias con escasos recursos. Con anterioridade a este partido solidario, a I Semana Oroso Solidario axudou a recadar fondos para a Asociación de Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia cunha Andaina Solidaria o pasado domingo; o martes celebrouse unha charla do xornalista Alfonso Pérez e do produtor de televisión Ramón Castaño sobre a súa viaxe a Polonia para traer a España mulleres refuxiadas ucraínas.
O xoves promoveuse a doazón de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue; e o venres recolléronse bicicletas usadas para o colectivo Recyling, que se encarga de arranxalas e distribuílas a familias necesitadas e tamén envialas a países africanos.