Bisbarra, 27 de setembro do 2022 – O concello de Oroso ven de presentar a I Semana Oroso Solidario que se celebrará do 2 ao 9 de outubro.
Oroso Solidario articúlase en torno a cinco iniciativas e actividades benéficas nas que agardan “contar coa máxima colaboración e implicación por parte da veciñanza”.
A primeira das actividades será unha andaina solidaria o domingo 2 de outubro, con saída ás 11.00 horas desde o concello, en beneficio da Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). O percorrido será de cinco quilómetros e as persoas interesadas en participar deberán entregar o boletín de inscrición no Centro Deportivo ou envialo por email ao enderezo deportes@oroso.gal.
Para axudar a ASANOG, tanto ao comezo como ao remate da andaina os participantes poderán mercar rifas para sorteos de agasallos, así como artigos de merchandising da propia asociación.
A segunda actividade, o martes 4 de outubro ás 20.00 horas no Centro Cultural, será unha charla do xornalista Alfonso Pérez e do produtor de televisión Ramón Castaño, que comentarán cos asistentes a experiencia da súa viaxe nos primeiros días da invasión rusa en Ucraína para recoller mulleres refuxiadas ucraínas e traelas a España.
O xoves 6 de outubro está prevista a terceira iniciativa solidaria, que consiste na visita dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue para que calquera persoa poida acudir a facerse doante entre as 16.00 e as 21.00 horas.
Ao día seguinte, o venres 7 de outubro, está programada no Centro Deportivo a partir das 20.00 horas unha charla a cargo de representantes do colectivo “Recycling”, que se dedica a recoller e reparar bicicletas usadas para darlle unha segunda vida doándoas a familias sen recursos ou enviándoas a países de África. Coincidindo coa charla, calquera persoa que desexe entregar a “Recycling” as bicicletas usadas que teña na casa ou mesmo roupa deportiva poderá facelo.
A última das accións solidarias é un partido de fútbol sala o domingo 9 de outubro, ás 12.00 horas no pavillón polideportivo, que enfrontará a políticos locais contra caras coñecidas como os humoristas e actores Xosé A. Touriñán, Federico Pérez e Marcos Pereiro ou os xornalistas Kiko Novoa e Terio Carrera, entre outros.
O obxectivo deste encontro solidario é que o público que desexe asistir achegue alimentos non perecedoiros que se redistribuirán entre familias con escasos recursos.
O alcalde, Luis Rey, explicou durante a presentación que o obxectivo desta SOS é “facerlle un recoñecemento a quen se preocupa polos demais e pon en práctica un valor tan esencial como o da solidariedade e, ao mesmo tempo, lanzar novos retos solidarios que permitan apoiar diferentes causas benéficas que merecen a axuda de todos”.
Ademais do rexedor local, na presentación estiveron presentes as concelleiras Beatriz Rodeiro e Isabel Fernández, así como o presidente de ASANOG e a súa coordinadora, José María Fernández e Yenny Rodríguez, respectivamente.