Oroso, 30 de marzo do 2017 – O Concello de Oroso felicita á orosá Sara Gacio Cendal, deportista do Club de Taekwondo Boudsport, que vén de conseguir a medalla de bronce no XV Open Internacional de España disputado esta fin de semana no pavillón Pitiu Rochel de Alacante.
O evento estivo organizado pola Real Federación Española de Taekwondo e reuniu a 2.500 deportistas de máis dunha vintena de países procedentes dos cinco continentes.
Sara Gacio conseguiu a medalla de bronce en combate, no que foi o seu debut na categoría júnior de menos de 55 quilos que gañou Lidia Campillo Sánchez. Deste xeito, a loitadora orosá repite o éxito acadado o pasado mes de decembro no Campionato de España por Clubs, onde tamén logrou a medalla de bronce en combate, nesa ocasión na categoría cadete de menos de 55 quilos.
Sara Gacio Cendal, de 15 anos e veciña de Deixebre, foi distinguida en 2016 polo Concello de Oroso como mellor deportista do ano na III Gala do Deporte. Un ano no que a deportista orosá tamén conseguiu a medalla de ouro no Open Internacional de Moaña e a medalla de prata no Torneo Cidade da Coruña.