Oroso, 27 de agosto do 2017 – Máis de setenta persoas participaron este venres no Roteiro polo Camiño Inglés, unha iniciativa coa que o Concello de Oroso abre o programa de actividades da Semana Cultural 2017.
Esta semana cultural inclúe vinte iniciativas de carácter lúdico e cultural gratuítas dirixidas a un público infantil e familiar. O concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, encabezou a marcha e salientou o éxito da iniciativa xa que “non só cubrimos as sesenta prazas do autobús dispoñibles senón que foron moitas as persoas que se achegaron nos seus coches particulares para unirse a esta camiñada para poñer en valor o Camiño Inglés ao seu paso por Oroso”.
Os participantes contaron con dous guías de excepción: o historiador Manuel Pazos e o ambientalista Manuel Soneira, que se encargaron de comentar os puntos máis destacados dos dez quilómetros que separan Ponte Pereira (Ordes) e a Ponte de Sigüeiro. Un traxecto no que tamén estiveron acompañados por membros de Protección Civil de Oroso.
Manuel Pazos, autor de varios libros e guías sobre o Camiño Inglés e sobre a historia do municipio, explica que “seguimos o trazado de delimitación do ano 2014 e fixemos paradas na Ponte Pereira, Carrás, A Santiña, Castro de Vilares, Ponte Ulloa, Sigüeiro e Ponte Sigüeiro”, onde tanto Pazos como Soneira se encargaron de comentarlles múltiples datos de interese aos sendeiristas.
O roteiro polo camiño inglés foi unha iniciativa que agradou aos participantes. “Foi todo un éxito e a xente quedou con gañas de máis”, asegura Manuel Pazos, quen agarda que “este tipo de andainas se programen habitualmente para así coñecer o noso concello e a nosa comarca”. Moitos dos participantes no roteiro remataron a xornada na praza de Isaac Díaz Pardo, onde tivo lugar un concerto a cargo da asociación cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso e do Grupo Pacífico.
Aéreos no exterior da piscina
A Semana Cultural de Oroso volverá mañá luns 28 de agosto con “Vaia circo”, un espectáculo da Compañía Kanbahiota que terá lugar no exterior da piscina municipal de Sigüeiro a partir das 19:30 horas. Trátase dun espectáculo de 50 minutos onde os nenos e nenas de Oroso poderán disfrutar de múltiples e novidosos elementos tales como aéreos, portes coreanos, mástil chinés, aro cyr, portes e clow.
“Vaia circo!” preséntase como un espectáculo completo que garante unha tarde de emocións, asombro e humor para todas as idades. A participación, como en todas as actividades da Semana Cultural de Oroso, é totalmente de balde.