Oroso, 20 de abril do 2020 – Un quitaneves do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana estará este martes en Oroso para desinfectar as rúas.
O quitaneves comezará a traballar as sete da tarde e nebulizará as vías cun produto desinfectante como medida de prevención ante o Coronavirus. O camión virá tras as xestións realizadas polo concello diante da Delegación do Goberno e Demarcación de estradas.
“Como concello, queremos tomar todas as medidas posibles para reducir o impacto desta crise, por iso solicitamos que a Delegación do Goberno incluíra Oroso e o seu centro urbano nunha das rutas dos camións”, explica o alcalde, Manuel Mirás.
O camión percorrerá as principais rúas de Sigüeiro coa axuda da Policía Local e Protección Civil, dispersando unha solución de auga con hipoclorito sódico para desinfectar os espazos públicos.
