Bisbarra, 23 de outubro do 2023 – O Psoe de Oroso ven de criticar duramente á Xunta de Galicia por destinar ao concello o que consideran “uns ridículos 4.660 euros”.
O voceiro do Grupo Socialista de Oroso, Luis Rey, valorou os orzamentos da Xunta de Galicia para o exercicio de 2024 como “unha bofetada de realidade para o alcalde”, posto que “dan continuidade á marxinación e ao sectarismo aos que o Partido Popular ten acostumada á veciñanza de Oroso”.
Luis Rey destaca que o proxecto orzamentario da Xunta de Galicia “non contempla un só euro en partidas concretas para ningún dos grandes proxectos que precisa Oroso e que o actual alcalde do PP se encargou de pregoar durante a campaña: nin a ampliación do polígono industrial, nin o novo concello, nin o pavillón polideportivo, nin a mellora da EDAR, nin o arranxo do colexio de Sigüeiro… nada”.
Segundo o voceiro socialista, “a Xunta de Alfonso Rueda segue a marxinar á veciñanza de Oroso igual que facía cando estaba Feijóo, co agravante de que agora fano incluso ninguneando a un alcalde do seu partido, o amigo Álex, como lle chamou Feijóo, que semella que non é tan amigo”.
“Supoño que dirán que dentro das partidas xenéricas van vir unha morea de cartos, pero a única realidade a día de hoxe é que o compromiso político de Alfonso Rueda con Oroso vale 4.660 euros”, resaltou.
Luis Rey cualifica como “indignantes” estes orzamentos autonómicos e anuncia que nos vindeiros días traballarán co Grupo Parlamentario Socialista para presentar diferentes emendas solicitando os investimentos que reclama a veciñanza.
“O desfile de conselleiros por Sigüeiro durante a campaña para facerlle un álbum de fotos a Álex Doval foi un auténtico engano electoral”, subliñou o voceiro socialista, que tamén cuestionou que “o único que fixo Doval nestes primeiros 100 días foi subirse o soldo, pero non foi quen de conseguir nin un só investimento do Goberno autonómico nin tendo ao seu mesmo partido político no goberno”.