Bisbarra, 15 de maio do 2023 – A Festa da Troita foi unha das citas máis visitadas da bisbarra nunha fin de semana chea de eventos e actos electorais.
O polifacético actor e humorista Carlos Blanco aproveitou o pregón da XXV Festa da Troita de Oroso para reivindicar para a sociedade actual “a paciencia, a calma e a planificación” que precisan e atesouran os pescadores de troitas.
Diante de máis de 2.000 persoas congregadas na Alameda de Góis, en Sigüeiro, Carlos Blanco tirou de humor, de sabedoría popular e de continuas referencias literarias a autores como Álvaro Cunqueiro para abordar desde a crecente seca por mor do cambio climático, ata problemas dos ríos como a contaminación das augas por vertidos, a sobreexplotación e o furtivismo, pasando pola súa preferencia culinaria polas troitas fritidas e non moi grandes.
No concello dos seis ríos, como se referiu a Oroso, o artista repasou un extenso refraneiro e cancioneiro con referencias ás troitas e apuntou a necesidade de “incorporar á sociedade un tutorial das avoas, desas avoas que cociñan as troitas de mil xeitos, para tomar a vida en xeral con máis calma, como a pesca das troitas”.
O pregón de Carlos Blanco foi un dos puntos álxidos da vixésimo quinta Festa da Troita, xunto coa degustación gratuíta na que se repartiron máis de 450 quilogramos de troitas fritidas.
Na súa intervención, o alcalde de Oroso, Luis Rey, agradeceu o labor de todas as persoas que fixeron posible “o exitazo” desta edición, desde a Garda Civil ou Protección Civil, ata os servizos de limpeza e todos os membros do goberno local implicados na organización das diferentes actividades. A actuación do grupo Luar na Lubre e da Orquestra Los Satélites pecharán esta noite a programación da XXV Festa da Troita.