Oroso, 10 de setembro do 2020 – O concello de Oroso aprobou en Xunta de Goberno habilitar unha partida orzamentaria extraordinaria para a limpeza dos centros de ensino.
Oroso destinará 14.731,31 euros para a ampliación da limpeza no CEIP de Sigüeiro e Camiño Inglés, así como nas escolas unitarias CRA de Estación, Trasmonte, Deixebre, Senra e Vilarromaris.
O alcalde Manuel Mirás criticou abertamente o “abandono da Xunta de Galicia, que todos os días dí unha cousa pero despois mira para outro lado, somos os concellos os que tomamos todas as medidas desde o comezo da pandemia”.
Miras lembrou ademais que aos concellos non chegou nada dos fondos reclamados ao Goberno Central e que o curso comeza “sen unha soa medida desde a Xunta, somos os concellos e os responsables dos centros os únicos que facemos algo. O mesmo pasou desde marzo coa atención aos colectivos máis vulnerables, o reparto de máscaras entre os traballadores de servizos esenciais ou a desinfección dos espazos públicos e o centro de saúde; todo o gasto saiu das arcas municipais”.
O Concello de Oroso reforzará a limpeza nos centros e coordinará outras medidas coas forzas de seguridade e a comunidade educativa, co obxectivo de que as clases comecen con normalidade.
