O Concello de Oroso informa do inicio das obras da primeira fase da nova senda peonil que unirá Vilarelle e Valverde, na parroquia de Vilarromarís. Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza e que permitirá mellorar a mobilidade e a seguridade viaria no ámbito rural.
A senda abrangue case 1 quilómetro de lonxitude e conta cun orzamento superior aos 110.000 euros, financiados integramente polo Concello. A nova senda facilitará os desprazamentos a pé entre os núcleos, reducirá riscos para peóns e reforzará a conexión interna da parroquia.
O alcalde de Oroso, Álex Doval, destacou que “este proxecto responde ás necesidades do rural e dá un paso máis na estratexia municipal de mellorar as comunicacións e garantir unha mobilidade accesible e segura en todo o territorio”.
Esta nova senda peonil forma parte do compromiso do Concello de seguir ampliando e modernizando as infraestruturas municipais, especialmente naquelas zonas onde a demanda cidadá e a seguridade viaria fan necesaria unha resposta prioritaria.
Co inicio desta obra, o Concello de Oroso continúa avanzando no seu obxectivo de construír un municipio máis conectado, seguro e adaptado ás necesidades das persoas.
