Bisbarra, 22 de xullo do 2022 – O concello de Oroso comezou arranxos en seis lugares da rede viaria do rural cun investimento total que supera os setenta e catro mil euros.
Os traballos, que consistirán na dotación dun novo rego asfáltico, comezaron na estrada que comunica os lugares de Ventosa e Cardama. A continuación traballarase en Cabanas e Sar (parroquia dos Ánxeles), San Román de Abaixo (Pasarelos), Oroso Pequeno (A Gándara) e O Barral (Vilarromarís).

Este proxecto en execución súmase á recentemente rematada ampliación da calzada do vial que une os núcleos de Requeixo e Eirís, na que o Concello de Oroso investiu preto de 75.000 euros, e ás obras anunciadas para os vindeiros meses na parroquia de
Senra, ás que destinará arredor de 250.000 euros. Neste caso, a actuación máis relevante consistirá na dotación de aglomerado na pista Baiuca-Requeixo, cun importe de 160.000 euros, seguida do asfaltado da pista do Formigueiro á estrada da

Deputación (40.000 euros), o asfaltado dunha pista en Arderís (30.000 euros) e a mellora da pista das Eiras ata a estrada.
Saneamento e abastecemento nos Carballos
Por outra banda, tamén se atopan a piques de rematar as obras de ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga acometidas no lugar dos Carballos, na parroquia de Deixebre, cun investimento de 110.000 euros.
