Oroso, 1 de xullo do 2017 – O Concello de Oroso celebrará hoxe a terceira edición do seu Festival de Bandas, que incluirá unha homenaxe á Banda de Música de Arca (O Pino),
A Banda de Música de Arca foi o destino de moitos músicos orosáns cando desapareceron formacións locais como a Lira de Senra ou a Banda de Música de San Mamede-Grabanxa (homenaxeadas nas edicións de 2015 e 2016, respectivamente).
Unha celebración aberta a toda a veciñanza e que terá lugar na igrexa e no campo da festa da parroquia de Senra, organizada polo Concello de Oroso en colaboración coa Asociación de Veciños de Senra e a Deputación da Coruña.
O acto estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, á fronte de gran parte da corporación municipal. Tras o tradicional pasacalles (12:30 horas) e da misa polos músicos falecidos, cantada pola Coral de Arca (13:30 horas), terá lugar unha ofrenda floral na Igrexa de Senra e un primeiro concerto das Bandas de Música de Arca e de Ordes.
Os actos de homenaxe aos músicos orosáns que formaron parte da Banda Municipal de Arca terán lugar ás 14:00 horas no palco da música de Senra e darán paso a un xantar de confraternidade, servido polo restaurante Magdalena de Castrofeito e a un prezo de 25 euros (maiores) e 12 euros (nenos de 5 a 12 anos). Tras o xantar, ás 17:00 horas terá lugar o Festival de Bandas coas actuacións das bandas de música de Arca e de Ordes. O trío Alborada porá o punto e final aos festexos cunha verbena a partir das 19:00 horas.