Bisbarra, 25 de outubro do 2022 – O concello de Oroso celebra esta época do ano acollendo os días 27, 28 e 29 de outubro o “Fiadeiro de Outono 2022”.
O Fiadeiro está organizado por catro colectivos veciñais de Oroso, en colaboración co Concello, ten como obxectivo divulgar a música tradicional galega a través de obradoiros, media ducia de actuacións musicais e un magosto popular.
As actividades darán comezo este xoves coa presentación do libro “A gaita na terra de Melide”, do escritor Suso Escariz, ás 19.30 horas no Centro Cultural.
A segunda actividade, o venres ás 17.00 horas, terá lugar no Centro Cultural e consistirá nun obradoiro no que os/as asistentes poderán aprender a construír un pandeiro. Esta actividade terá un prezo de 65 euros por persoa e aqueles/as que desexen participar deberán inscribirse ata o mércores 26 no teléfono 665 880 200.
Xa o sábado 29 a Alameda de Góis será o escenario do Festival Folclórico e do magosto popular, actos cos que culminará o “Fiadeiro de Outono 2022” e que incluirán obradoiros e actuacións de balde.
A xornada comezará ás 16.00 horas co obradoiro de baile tradicional, que será impartido pola Asociación Folklórica Buxos Verdes; ás 16.45 horas a Asociación Folklórica Lembranzas do Tambre coordinará un obradoiro de pandeireta; e ás 17.30 horas será a quenda do obradoiro de percusión, a cargo da Asociación Cultural Argalleiros.
Xa a partir das 18.30 horas darán comezo as actuacións musicais das catro asociacións organizadoras do evento: A.F. Buxos Verdes; A.F. Lembranzas do Tambre; A.C. Argalleiros e Néboas no Cumio. O peche de “Fiadeiro de Outono 2022” chegará ás 20.30 horas coa celebración dun magosto popular con degustación gratuíta de castañas, acompañado das actuacións das agrupacións de música tradicional 3 Pesos e Carapaus.