Oroso, 21 de agosto do 2017 – Os rapaces do Summer Camp, o programa de conciliación familiar e laboral que o Concello de Oroso desenvolve durante estas vacacións escolares, inauguraron unha exposición de escultura creativa no Centro Cultural de Sigüeiro.
A mostra permanecerá aberta para todo o público que desexe visitala ata o vindeiro 30 de agosto.
Na apertura da exposición, os vinte e cinco participantes nestes campamentos estiveron acompañados pola concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro, e polo concelleiro de Cultura, Luis Rey. Os dous felicitaron os cativos e cativas pola creatividade demostrada nas obras expostas e confirmaron con eles a satisfacción polo desenvolvemento do ‘Summer Camp’, organizado en colaboración coa Escola Con Talento.
Unha vez declarada aberta a exposición, xa cos primeiros visitantes na sala, os nenos e nenas que acudiron ao acto compartiron unha merenda alí mesmo, con diversos petiscos, froita, doces e zumes.