Oroso, 29 de maio do 2020 – O pleno municipal de Oroso reclama da Xunta que se use o 50% do recadado co canon da auga a medidas de apoio á economía local.
O canon da auga é un imposto activo desde xullo do 2012 que se destina a financiar o traballo medio ambiental de Augas de Galicia. A moción foi presentada polo Psoe e o seu voceiro, Antonio Leira, quen dicía que ” Os veciños e veciñas de Oroso fan un esforzo importante desde hai sete anos a través do canon da auga, pero o concello non recibiu nin un só euro dos máis de 700.000 recadados pola Xunta”.
Chamamento ao Goberno Central
O pleno municipal non só reclamou apoio da Xunta. Noutra das mocións fíxose un novo chamamento “para que o goberno cambie dunha vez a lexislación e os concellos poidan investir os fondos dos remanentes en beneficio da veciñanza” en palabras do alcalde, Manuel Mirás. Oroso pechou o ano 2019 con superávit e un remanente de tesourería de 849.128,48 euros, unha situación que reflicte a boa xestión económica municipal, pero Mirás lamenta que “os veciños non poidan disfrutar de melloras que poderiamos executar con eses fondos, que están inactivos nas entidades financeiras”.
Educación
Por último, o concello pediu á Consellería de Educación a segunda liña de ensino pendente no CEIP Camiño Inglés, máis necesaria que nunca na actual situación. O Concello lembra que, á espera de que as outras administracións cumpran, impulsou nas últimas datas un programa de conciliación que favorecerá a empresas e familias, e presentará unha plataforma dixital gratuíta de apoio ao comercio local.