Oroso, 7 de xullo do 2022 – A urbanización Porto Avieira de Oroso recibira melloras nas zonas de ocio e deportivas grazas ao acordo entre a Deputación da Coruña e o concello.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Oroso, Luís Rey, asinaron o convenio para acometer a actuación en Porto Avieira. Uns traballos que contan cun orzamento total de 150.000 euros. A Deputación da Coruña financiará o 80% das obras.
Na actualidade a parcela alberga unha pista de béisbol, unha zona destinada a práctica do fútbol, un recinto de adestramento canino, un parque infantil e un aparcadoiro. A actuación ampliará a infraestrutura de Porto Avieira de tal xeito que os camiños limítrofes que conectan coas instalacións poidan ser utilizados para a práctica deportiva, segundo explicou o alcalde, Luís Rey.
Novas sendas
A veciñanza poderá practicar deporte polas novas sendas, que mellorarán de paso as comunicacións entre as diferentes infraestruturas deportivas. En concreto, aproveitaranse o trazado dos percorridos existentes pola parcela acondicionando o pavimento e mellorando a súa drenaxe, xa que en determinadas zonas existían problemas de acumulación das escorrentías. Por outra banda, contémplase a iluminación da pista e da zona do aparcadoiro para que os usuarios poidan practicar deporte fóra das horas diúrnas.
Tamén se instalarán 130 metros de varanda de madeira nos novos camiños e a reposición da beirarrúa existente na que tamén se procederá a conectar o novo sistema de pluviais á rede xeral. As obras terán unha duración de seis meses desde a súa adxudicación.