O enfado do alcalde popular, Alex Doval, nace a raíz da visita do Delegado do Goberno, Pedro Blanco, ás obras da N-550 sen convocar ao rexedor.

O Partido Popular de Oroso ven de emitir unha nota de prensa na que manifesta “a súa máis profunda decepción pola visita realizada polo Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ás obras da N-550 en Oroso sen comunicar absolutamente nada ao Concello nin ao seu alcalde, Alex Doval”.
Para os populares “Trátase dunha mostra clara de desprezo institucional e dunha utilización partidista dos recursos públicos, con coche oficial incluído, nun intento de maquillar o descalabro do PSOE no Goberno central. Un acto sen contido, sen proxectos concretos e sen respecto pola administración máis próxima á veciñanza”.
Os populares de Oroso van máis alá e cualifican de moi grave o sucedido cando “foron as nosas xestións as que puxeron sobre a mesa, o pasado 29 de novembro, sete demandas claras e necesarias para a mellora da N-550”.
Engaden a esta queixa que as demandas seguen sen resposta e as volven a concretar na renovación dos báculos verdes na rotonda e na Av. da Grabanxa, a iluminación para pasos de peóns en Sigüeiro, beirarrúa desde Deixebre ata o local social, cesión da parcela da antiga radio baliza de AENA, mellora paisaxística da rotonda da AP-9, aglomerado completo da N-550 ao seu paso polo municipio, mellora dos accesos ao polígono industrial de Oroso, e paso de peóns elevado en Vilanova (Oroso).
Din ademais que se colocaron sinais na Avenida de Compostela sen avisar ao Concello, restrinxindo o aparcamento e afectando directamente ás obras municipais previstas nas beirarrúas así como trastornando a veciñanza con retención quilométricas debido a unha improvisación clara.
Engaden que “Nin unha chamada, nin unha mínima vontade de coordinación. Un exemplo máis de improvisación e falta de respecto institucional”. Din tamén que “esta falta de seriedade non é exclusiva do Delegado do Goberno. Dende o PP de Oroso tamén lamentamos o silencio cómplice dos representantes locais do PSOE. Especialmente do Deputado Provincial, que ademais é veciño de Oroso, que continúa desaparecido mentres seguimos agardando polas actuacións prometidas na Avenida da Grabanxa”.
