Bisbarra, 27 de xaneiro do 2023 – O concello de Oroso ven de presentar o ciclo de comedia “HumOroso” que se celebrará no auditorio do Centro Cultural desde o 3 de febreiro.
Carlos Blanco, Federico Pérez e Marcos Pereiro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, e David Perdomo protagonizarán os catro espectáculos de “HumOroso”. As entradas custarán 10 euros e a recadación doarase integramente ás asociacións ASANOG, Andaina Pro Saúde Mental, Asperga e Alcer Coruña.
O alcalde Luís Rey explica que “A inauguración do auditorio permítenos programar actividades de maior nivel e con máis tirón, como este primeiro ciclo de monólogos e espectáculos de humor, que vén para quedar”.
Esta primeira edición do “HumOroso” foi presentada nun acto que contou coa participación do alcalde, Luis Rey; os concellerios Antonio Leira, Beatriz Rodeiro e Isabel Fernández; o actor e humorista Federico Pérez, e as artistas e monologuistas Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro. Tamén asistiron representantes das asociacións ás que se doará integramente a recadación das entradas.
Para o espectáculo “Os mellores monólogos” de Carlos Blanco, que terá lugar o venres 3 de febreiro ás 20.30 horas, as entradas poderán retirarse o martes 31 de xaneiro ás 20.00 horas e a recadación doarase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
O venres seguinte, 10 de febreiro, o espectáculo “Os Tristes”, protagonizado por Federico Pérez e Marcos Pereiro, terá lugar ás 20.30 horas e as entradas poderán retirarse o martes 7 de febreiro, ás 20.00 horas. A recadación desta función será para o colectivo Andaina Pro Saúde Mental.
O terceiro venres de febreiro, día 17, serán Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro quen protagonizarán o espectáculo “Sen restricións”, a partir das 20.30 horas. As entradas poderán retirarse no propio Centro Cultural o martes 14 de febreiro ás 20.00 horas e a recadación entregarase á Asociación Galega de Asperger (Asperga).
Finalmente, o venres 3 de marzo o artista que pechará esta primeira edición do “HumOroso” será David Perdomo, a partir das 20.30 horas, e as entradas poderán retirarse o martes 28 de febreiro ás 20.00 horas. A recadación desta actuación entregarase á Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (Alcer Coruña).