Bisbarra, 29 de decembro do 2022 – O concello de Oroso licita en 327.000 euros o carril bici entre Sigüeiro e o lugar da Estación, onde se une coa Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.
O prazo máximo de execución será de seis meses. As empresas interesadas en executar as obras poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 12 de xaneiro. O trazado deste novo carril bici terá unha lonxitude de 2,76 kilómetros e comezará na avenida de Compostela.

O alcalde, Luís rey, destaca que “Esta vía ciclista axudará a poñer aínda máis en valor a Vía Verde como atractivo turístico e como espazo de lecer e de prácticas deportivas e hábitos saudables”.
A vía ciclista constará dun ancho de 1,80 metros e disporase de tres formas distintas segundo o treito. No primeiro tramo, de 320 metros de lonxitude e que comprende desde a avenida de Compostela ata o inicio da rúa Ulloa, a vía ciclista executarase ao nivel da beirarrúa e o tráfico peonil e ciclista irá segregado.

No segundo treito, de 1.775 metros e que abarca desde o paso peonil do comezo da rúa Ulloa ata o núcleo da Estación de Oroso, o carril bici executarase ao nivel da calzada pola marxe esquerda e o tráfico ciclista irá segregado dos outros tráficos.
Por último, no terceiro tramo, de 670 metros de lonxitude e que comprende desde o núcleo da Estación ata o trazado da Vía Verde, o carril bici compartirá espazo co resto do tráfico rodado, sinalizándose convenientemente a zona co obxectivo de mellorar a seguridade vial.