Bisbarra. 24 de marzo do 2023 – O concello de Oroso ven de aprobar que a vindeira semana aprobará en pleno unha ordenanza que regule o reparto de axudas á natalidade.
O alcalde de Oroso, Luís Rey, explica que a concesión destas axudas á natalidade “basease no feito de que mentres no período 2010-2015 o promedio anual de nacementos rexistrados era de 80, no período 2016-2021 esa media baixou a só 58 nacementos”.
Rey engade que “Sendo a reactivación da natalidade un beneficio para todos, esta medida de apoio pretende axudar aos pais a soportar as cargas que se ocasionan sobre todo nos primeiros meses de vida dun neno/a”. Subliñou ademais que as axudas poderán solicitalas tanto os proxenitores dos recén nados como os adoptantes de nenos/as menores de 3 anos de idade.
As axudas serán de 350 euros. O alcalde é consciente de que “ninguén vai tomar a decisión de ter ou adoptar un neno para recibir 350 euros, pero esta pequena achega tamén é un incentivo para que moitas familias que viven en Oroso e aínda non están censadas decidan empadroarse aquí”.
Luís Rey mostrouse tamén moi satisfeito porque, en contraposición coa dinámica de nacementos regresiva, a cifra de poboación oficial que vén de comunicar o Instituto Nacional de Estadística (INE), a día 1 de xaneiro de 2023, sitúa o número de habitantes en 7.620, é dicir, 48 máis ca os 7.572 confirmados a 1 de xaneiro de 2022.
Esta cifra, que aínda non é definitiva, sempre adoita ser menor que a resultante co cotexo do Padrón Municipal, polo que agárdase que o incremento poboacional poida ser aínda algo maior.