Oroso, 29 de marzo do 2019 – O Concello de Oroso aprobou en pleno un orzamento municipal para o presente exercicio de 7.660.264,14 euros, o que supón un aumento de case un 12%.
O orzamento aumenta o gasto en servizos básicos no centro urbano e nas parroquias un 12,19% con respecto ao ano pasado e chega aos 2.157.627 euros (un 28% dos orzamentos). Según o alcalde, Manuel MIrás, “Queremos dar resposta ás demandas veciñais e continuar co noso plan para mellorar as infraestruturas e humanizar o concello”.
O gasto en persoal sube un 4,6% pola nova praza de Policía Local e a actualización da masa salarial, mentres que o gasto corrente aumenta máis dun 15%, sobre todo no capítulo de servizos sociais e no referido ás subvencións que o concello destina a entidades deportivas e culturais.
Polo que respecta aos ingresos correntes, soben só un 4%, “precisamente por manter esa presión fiscal baixa”, mentres que os ingresos de capital se incrementan un 40%, ata os 645.082 euros, polas transferencias recibidas do Plan Único da Deputación da Coruña.
Na defensa dos orzamentos, Mirás destacou que “as contas deste ano son realistas e responsables, pero tamén ambiciosas, temos que estar moi satisfeitos pola nova subida dos investimentos nun momento de tantas restriccións por parte do Goberno central”.
“Baixan os gastos e os pasivos financeiros, os gastos de persoal só supoñen un 19,74% no Concello de Oroso, continuamos coas bonificacións fiscais para atraer novos investimentos empresariais, sempre e cando xeren emprego, e temos agora mesmo un nivel de débeda moi baixo”, rematou o alcalde.