Bisbarra, 6 de outubro do 2022 – O concello de Oroso negocia con Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana un acceso alternativo para o futuro polígono San Martiño II.
O alcalde de Oroso, Luis Rey, e o senador Manuel Mirás mantiveron unha reunión en Madrid co director xeral de Estradas, Javier Herrero Lizano. A normativa actual impide a construción dunha rotonda convencional pola alta densidade de tráfico.
A solución na que se traballa é unha rotonda inferior, baixo a estrada N-550, que para o alcalde “aínda que sería máis custosa, contaría co visto bo da Dirección Xeral de Estradas e permitiría desbloquear o desenvolvemento do polígono industrial”.
Unha vez aprobada esta alternativa de conexión por parte do Ministerio xa só restaría, como último trámite administrativo, a aprobación da modificación puntual nº 7 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por parte da Xunta de Galicia, o que permitiría comezar a urbanizar a primeira das tres fases en que está previsto o desenvolvemento do Polígono Industrial San Martiño II.
Luis Rey lembrou que na actualidade o Concello de Oroso ten operativos o Parque Empresarial de Sigüeiro, cunha superficie bruta de 395.124 metros cadrados e o Polígono Industrial de Oroso, con 53.845 metros cadrados, polo que o desenvolvemento de 445.004 metros cadrados do Polígono Industrial San Martiño II achegaría o municipio ao umbral do millóns de metros cadrados de superficie empresarial.