Lalín, 28 de xaneiro do 2018 – O Concello de Lalín comezou a traballar no deseño da programación da próxima edición do Orgullo de Lalín que este ano decidiu trasladarse aos días 4 e 5 de maio.
A pasada semana reuníronse as concelleiras Celia Alonso e María Jesús Sánchez cos técnicos de igualdade municipais e os diferentes colectivos LGBTI de Galicia, coa intención de avanzar no programa de actividades e estudar diferentes propostas de actuacións educativas e reivindicativas sobre a diversidade que se poderán incluír no Orgullo.
No encontro participaron membros dos colectivos 7 Cores de A Coruña, Comité Antisida de A Coruña, Colectivo Feminista de Deza, ALAS A Coruña e Orgullo de Forcarei, pero tamén forman parte da organización os colectivos Arelas, Amizando, Ultreia, Agrocuir, Chrysallis, Fundación Daniela e Nós Mesmas. Porén, xa son 12 as organizacións LGBTI de Galicia e do resto do Estado as que participan, alén doutras coas que se están creando contactos e que fan que a terceira edición do Orgullo de Lalín consolídese como un dos eventos a prol da diversidade e da loita polos dereito a “ser o que es, aquí tamén” máis importantes de Galicia.
O Goberno de Lalín, a través desta iniciativa que alcanza a 3ª edición, realizará un esforzo especial para traballar coa xente máis nova, principalmente co alumnado de secundaria e bacharelatos de Deza e doutras partes de Galicia, posto que xa se rexistrou a solicitude de participación dun instituto de Vigo. Ademais, dende a organización agradécese o esforzo que se está a facer dende Lalín para que o municipio continúe sendo un referente na loita pola igualdade dende a diversidade.