Ordes, 25 de setembro do 2019 – A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, formará ás mulleres do rural de Ordes en novas tecnoloxías como o comercio e a banca electrónica.
Trátase dunha actividade da Escola para o apoderamento de mulleres do rural e terá unha duración de 8 horas. Impartirase na Aula de Informática de Ordes (Casa da Cultura. Rúa de Galicia, nº 25) nas seguintes datas: martes 1, xoves 3, martes 15 e xoves 17 de outubro; en horario de 17:00 a 19:00 horas
O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 (de luns a venres, de 10:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal.
A Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de diminuír a fenda dixital, fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe progresivamente e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.
Entre os obxectivos deste obradoiro de formación está que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e , así mesmo, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos.
UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a sociedade da información.
Instrutores/as cualificados/as e con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo encargaranse de impartir estes obradoiros.
