Ordes, 17 de setembro do 2019 – Nestes días a Sociedade Deportiva Club Órdenes e o Real Club Deportivo da Coruña asinaron un convenio de colaboración grazas ao cal nos vindeiros catro anos o club ordense recibirá apoio en distintos ámbitos.
Ademais das achegas económicas que se lle darán ao Órdenes no caso de que nutra ao Deportivo de xogadores, a base do convenio céntrase na incorporación dun novo corpo técnico de catro adestradores que aplicarán o sistema do club herculino.
Outro dos puntos que se contemplan é a posibilidade de disfrutar dunha xornada de libre acceso para aquelas persoas que queiran asistir a ver en vivo unha sesión de traballo cos adestradores do R.C. Deportivo da Coruña, ademais de varias xornadas (5 ou 6) nas que a rapazada poderá acudir gratuitamente a ver diferentes partidos ao campo de Riazor. Neste último punto o Concello de Ordes facilitará o transporte de maneira gratuíta.
Francisco Martínez Zas e Antonio Vázquez Rendal, en representación do R.C. Deportivo da Coruña e como presidente da S.D.C. Órdenes, foron os encargados de asinar este compromiso. No acto tamén estivo presente o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, ademais de Ana Soneira e Abel Blanco, concelleiros de Deportes e Cultura respectivamente.