Ordes, 11 de outubro do 2019 – Representantes de Concello de Ordes, Mesía, Frades, Oroso, Trazo, Tordoia e Cerceda reuníronse con membros do colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes, que lle reclamaron unha maior presión política e visibilización nas súas posturas para forzar á Xunta a que exclúa esta zona do Plan Sectorial Eólico.
O colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas abordaron cos alcaldes a preocupación veciñal derivada da inminente saída a exposición pública de varios parques eólicos e novas liñas de alta tensión que atravesarían a comarca e que poñería en perigo os intereses económicos e sociais dunha zona rural considerada pola propia Xunta como de especial interese agrario.
Os muíños máis altos de todo o estado
Durante a xuntanza, que se prolongou durante case dúas horas, os membros das plataformas puxeron sobre a mesa argumentos de peso para insistir no rexeitamento a uns muíños (o parque eólico de Inxerio, en Ordes e Cerceda, o parque eólico de Solpor, en Mesía e Ordes, e o parque eólico de Gasalla, en Mesía e Frades) que serían os máis altos de todo o Estado (máis de 200 metros) e que estarían situados nunha área poboada, próxima ao Camiño de Santiago, e cunha alta densidade de explotacións agrarias e gandeiras.
As plataformas reclamáronlle aos rexedores que insistan ante a Consellería de Industria da Xunta de Galicia para que se exclúa a comarca de Ordes das áreas de desenvolvemento eólico establecidas no actual Plan Sectorial Eólico de Galicia; que se posicionen publicamente, ante as empresas e xunto cos veciños e veciñas da comarca, na defensa clara do ben común e en contra destas instalacións para a comarca, facendo efectiva en todos os concellos da Mancomunidade a declaración institucional aprobada o ano pasado e pola que se declaraban libres de eólicos; e que todos os concellos da Mancomunidade sexan de cara á cidadanía totalmente transparentes con respecto á información que poidan ter sobre os proxectos eólicos e novas liñas de alta tensión e que requiran á vez unha maior transparencia tamén das administracións involucradas na tramitación dos distintos expedientes.
Os representantes de cada concello, pola súa parte, amosaron a súa concordancia coas peticións das plataformas veciñais e comprometeron o seu rexeitamento a que se instalen na comarca macro proxectos eólicos e novas liñas de alta tensión que irían contra o interese xeral. Os membros da plataforma entregaron a cada representante municipal unha pancarta para que poidan colgala nos seus respectivos concellos e facer máis visible esta posición e amosaron a súa disposición a seguir traballando para lograr botar abaixo con argumentos técnicos e políticos os proxectos que hai enriba da mesa.