Ordes, 28 de xaneiro do 2019 – O primeiro pleno do ano en Ordes acordou , de xeito unánime, reclamar dous médicos que den cobertura permanente para o PAC da vila.
A moción, presentada polo PSdG-PSOE, esíxeselle ao SERGAS unha cobertura permanente de dous doutores para o PAC para evitar situacións de risco. Ao texto inicial engadíuselle a petición da concelleira non adscrita Beatriz Martínez Candal para “reforzar o servizo de pediatría”. Unha decisión da que se lle dará traslado á Mancomunidade de Ordes, cuxos concellos integrantes tamén se ven afectados por esta situación. Ao respecto Susana García, voceira do Goberno local, informou que “en breve manteranse conversas con xerencia e sindicatos, ademais de ter xa programada unha xuntanza co conselleiro de Sanidade para abordar tanto este tema como o das obras que se están previstas no centro”.
En relación co peche da central térmica de Meirama acordouse solicitarlle ao conselleiro de Economía, Traballo e Industria unha xuntanza para abordar os plans futuros de Naturgy, empresa propietaria da planta enerxética cuxo peche está previsto para o verán de 2020. Ademais instarase á Xunta a propoñer Ordes como emprazamento para unha planta de biomasa forestal. Así figura na moción presentada por Martínez Candal, a cal contou co apoio de toda a corporación.
Seguindo con este tema, e contando tamén co apoio xeral, o BNG demandou o mantemento da presa de San Cosmade, espazo onde está situado un punto de captación de auga que abastece o Mesón do Vento e a zona norte do municipio.
Alejandro Manteiga, voceiro do PSdG-PSOE propuso iniciar os trámites e presentar as instancias precisas ante Presidencia da Xunta para que lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo a Isabel Cendal. Unha moción que, novamente, foi secundada por todos e todas os presentes.
Financiamento local
Diferente foi o caso da moción do grupo socialista na que, entre outras medidas, solicitase modificar o financiamento dos concellos galegos, establecer subvencións e partidas non finalistas ás entidades locais para a súa integración no Fondo de Cooperación Local, a creación dun fondo específico coas transferencias non executadas ou aboar aos concellos o 50% do percibido polo canon da auga “tal e como xa se comprometera a Xunta de Galicia no seu día” segundo palabras de Alejandro Manteiga. Tanto os membros do Goberno local como os non adscritos Roberto González e Luís Gómez Candal rexeitaron a medida. “Galicia foi pioneira en establecer un sistema de reparto cunha garantía de mínimos” argumentou Susana García engadindo que “xa no 2009 creouse un fondo extraordinario que se foi incrementando, ata que chegou a crise, para que ningún concello vira mermados os seus ingresos”. García concretou en 391 millóns de euros os cartos a repartir entre os municipios, “sendo Galicia a Comunidade que máis destina a fondos de cooperación local, convenios e subvencións”. Tamén fixo alusión ao clima de colaboración entre a Xunta e a FEGAMP sen descartar que sexa beneficioso “revisar a Lei de Facenda Local e o sistema de financiamento establecido a día de hoxe, tendo sempre en conta que ninguén mellor que os propios concellos coñecen as súas necesidades e o mellor xeito de levar a cabo os seus investimentos”.