Ordes, 21/09/2026 – O Grupo Socialista levará ao Parlamento de Galicia as reivindicacións do grupo municipal de Ordes en materia de saneamento e abastecemento, e en particular a demanda dunha nova depuradora no municipio.
O deputado socialista Aitor Bouza lembra que o grupo municipal leva tempo traballando nesta reclamación, “algo tan esencial como contar cunha nova depuradora en Ordes”. Sostén ademais que “os compromisos da Xunta de Galicia teñen que materializarse non só en promesas, senón que teñen que levarse á práctica”.

Bouza esixe de Augas de Galicia e da consellería que “fagan realidade canto antes eses compromisos para que a veciñanza de Ordes teña os seus dereitos garantidos nestas infraestruturas tan importantes”.
Pola súa banda, Noelia Rivadas sinalou que en saneamento e abastecemento hai “deberes moi importantes” en Ordes. En primeiro lugar, pediu axilizar a construción da depuradora. Afirmou que existe un compromiso adquirido e que, polo que saben, Augas de Galicia está tramitando o convenio, pero reclamou que ese compromiso se concrete.
Rivadas engade que “Non queremos acabar, como tantas outras veces, cunha actuación que se eterniza durante anos”. Tamén subliñou a necesidade de ampliar a rede de saneamento e abastecemento.
Explicou que Ordes “ten aínda unha porcentaxe moi reducida de cobertura e que hai moitas zonas, sobre todo rurais, que precisan esta infraestrutura básica”. Rematou dicindo que “Estamos falando de servizos esenciais, por iso reclamamos prazos, planificación e que os compromisos se executen”.
