Ordes, 21 de febreiro do 2018 – Os vindeiros 10 e 11 de marzo a localidade do Mesón do Vento celebrará a XX Festa do Lacón con Grelos. Como cada ano agárdase a presenza de milleiros de persoas, que ademais de degustacións gastronómicas poderán gozar dun amplísimo programa de actos.
Tanto o sábado como o domingo, 10 e 11 de marzo, a partir das 10 horas abrirá no recinto feiral esta vixésima edición da Festa do Lacón, no que se exporá unha ampla representación de gando de distintas razas ademais de aves autóctonas. Tamén haberá feira de produtos artesanais e exhibicións de 4×4.
Ao longo da tarde do primeiro día destacan dous eventos. Ás 16 horas darán comezo o III Encontro Folclórico no que participarán a Agrupación Folclórico-Cultural Sementes da Arte, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira. Xa arredor das 17 horas a maxia e a cor do Entroido volverán apoderarse da localidade grazas ao concurso de disfraces, no que en total se repartirán máis de 1000 € en premios nas categorías comparsas e individual (persoas adultas e infantil). As inscricións poderán realizarse ata o 8 de marzo no Departamento de Cultura e Deportes, ou ben chamando ao 981680002.
1.200 € en premios
Xa de cara ao domingo o programa está encabezado pola degustación popular do lacón con grelos, que como de costume os bares e establecementos da zona ofrecerán con cada consumición de maneira gratuíta a partir das 12 horas. Haberá tamén exposición de coches antigos. As carreiras e as probas de andadura federada son outro dos grandes atractivos para este día, as cales darán comezo a partir das 11.30 horas e continuarán ao longo da tarde, así como a carreira de burros ás 17.30 horas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través da Federación Hípica Galega. Ás 12 horas os protagonistas serán os cans debido ás probas de agility canina que terán lugar. En conxunto nestas probas repartiranse preto de 1.200 € en total.
A organización ten previstas actuacións musicais en vivo para amenizar tanto a sesión vermú (14 h) como a última hora da tarde (20 h), dándolles así pé aos máis festeiros e festeiras a botar algún que outro baile.