Bisbarra, 13 de novembro do 2023 – O pleno municipal de Ordes aprobou remitir por terceira vez á Xunta de Galicia o Plan Xeral para conseguir a aprobación definitiva.

A novidade en esta ocasión foi o voto favorable do BNG ao Plan Xeral. Os nacionalistas acordaron co goberno municipal o apoio si se evitaba a desaparición do núcleo rural de “O Cano”.
A proposta do BNG pasaba porque “o goberno municipal aceptaba a proposta de intentar manter as zonas compatibles co núcleo rural, unha vez excluídas as edificacións industriais”. O voceiro do BNG, Pablo Vidal, considera que “este feito supón unha nova contribución do BNG ao P.X.O.M. de Ordes, logo das condicións formuladas no ano 2016, as achegas efectuadas nas comisións ás que tivemos acceso, as alegacións realizadas e as reunións informativas coa veciñanza”.
Vidal manifesta tamén que o voto favorable emitido no terceiro pleno de aprobación provisional do P.X.O.M., “non muda en absoluto a postura do BNG con respecto á tramitación do Plan Xeral”, mantendo a este respecto que “o planeamento chegará tarde, nun proceso pouco transparente cara a veciñanza e sen que existan uns criterios claros de aplicación por parte do goberno municipal”.
Cambios no novo documento
Tras o rexeitamento da Xunta do Plan por, entre outras razóns, no contemplar suficientes zonas verdes; o goberno municipal ampliou por riba do 15% estes espazos engadindo zonas en Parada (Estación), Adina Vella e Pereira, así como o entorno do río Mercurín a carón de Vilaverde”.
O chan urbanizable a carón da avenida de Cerceda axústase, tamén hai correccións en distintas edificacións e corríxense erros cartográficos. O núcleo rural e “O Cano” que propiciou o apoio do BNG ao documento, quedará establecido en dous subnúcleos.