Ordes, 31 de xullo do 2020 – A posibilidade de que se coloquen muíños de vento moito máis grandes cos actuais é o que impulsa á nova plataforma Aldeas Libres de Macroeólicos.
A plataforma iniciou unha petición en change.org, comezou coa repartición de pancartas nas aldeas veciñas e márcase como obxectivo impedir a construción dun macroparque na comarca de Ordes-Curtis.
Este macroparque estaría composto por 4 parques eólicos cun total de 36 turbinas de 200 metros de altura cada unha, 3 subestacións eléctricas e unha liña de alta tensión que atravesaría todo o territorio.
Desde a plataforma explican que “As aldeas de Galicia levan anos pasando por unha dura crise de despoboamento e realizando grandes esforzos para soster os negocios rurais. Agora ven novamente en perigo pola ameaza por enormes infraestruturas industriais que supoñen estes macroparques eólicos e que serán instaladas a apenas 500 metros das aldeas, arriscando a seguridade, saúde e calidade de vida dos seus habitantes e sentenciando o futuro destes lugares”.
Desde a plataforma reafirman a súa posición de apoio total ás enerxías renovables pero denuncian que estas instalacións non deben facerse nas aldeas nin en zonas rurais onde hai unha importante e notable actividade agraria, xa que supoñería o final destes lugares que son motores económicos da comarca.
A Comarca de Ordes foi declarada de especial interese agrario pola Xunta no 2007. O valor económico que o sector agrario deixa na comarca é o segundo que máis afiliacións á seguridade social achega segundo datos do IGE, e só superado polo comercio detallista.