Bisbarra, 6 de febreiro do 2023 – O parque eólico Monte San Bartolomeu, na zona de Ordes, súmase a longa lista de proxectos que se atopan coa oposición da veciñanza.
Os portavoces do BNG de Ordes, Mesía e Abegondo, rexistraron unha serie de alegacións ao proxecto Monte San Bartolomeu. Os nacionalistas consideran incompatible o parque eólico pretendido co trazado do camiño Inglés, destacando a proximidade dos aeroxeradores ao mesmo.

Pablo Vidal, voceiro do BNG de Ordes, indicaba que “varios aeroxeradores quedan a menos dun quilómetro de distancia do camiño de Santiago, estando situado o mais próximo a menos de catrocentos metros. É enorme a afección negativa que suporía a implantación do parque eólico sobre un dos maiores atractivos turísticos da zona, cun importante impacto económico na contorna”.
Blandino García, portavoz do BNG de Abegondo, destaca “o impacto sobre o patrimonio natural e recursos hídricos xa que o territorio do concello de Abegondo afectado polo parque eólico, atópase dentro da Reserva da Bioesfera Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo, zona de especial protección medioambiental, patrimonial e paisaxística”.
“A este respecto, tampouco nos podemos esquecer do monte Fraga da Aerosa”, apunta Beatriz Louro López, portavoz do BNG de Mesía, que destaca “a proximidade dos aeroxeradores á primeira masa consolidada de frondosas autóctonas rexistrada, situada na parroquia de Visantoña”, “un espazo de case vinte cinco hectáreas poboado de castiñeiros, carballos e bidueiros”.
Os voceiros nacionalistas destacan que a zona “xa padece unha grande cantidade de impactos acumulados, como é a presenza de numerosos tendidos eléctricos pola proximidade da subestación das travesas, a autoestrada, o oleoduto, ou o gasoduto”, e fan fincapé na “excesiva proximidade dos aeroxeradores a numerosos núcleos de poboación”.