Ordes, 17 de xuño do 2020 – A Policía Nacional ven de comunicar os pormenores da operación Neón que asesta un duro golpe a venda de droga na comarca de Ordes.
Sigüeiro foi o epicentro dunha das liñas principais de traballo da operación Neón. As investigacións comezaron a finais do 2018 e remataron estes días coa detención de 31 persoas que serán imputadas por tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal.
A liña Sigüeiro
Desde a comisaría de policía de Santiago explican que en Sigüeiro os axentes desmantelaron un importante punto de venda de cocaina. Este lugar abastecía a persoas da vila e de Oroso, Ordes, Cerceda ou Compostela.
Pero este punto de venda tiña ademais ramificacións que ampliaban as súas actividades ata León ou Palencia, onde xa contactaran con persoas para proceder á distribución de estupefacientes. Aqui detivéronse cinco persoas, dúas delas presuntamente xefes da banda.
Santiago
A capital de Galicia foi outro dos eixes da investigación. En Compostela detivéronse a oito persoas entre os que destacaban tres provedores distintos do xerente dun club de alterne, principal investigado na operación. Tamén se detivo a outro provedor veciño da localidade de Bandeira, pero que os axentes situaban nun chanzo superior aos anteriores.
Os detidos de Santiago distribuían a droga por barrios de toda a cidade e contactaran con Alemania para comezar tamén alí a distribución.
Dirección desde o xulgado de Ordes
A operación Neón foi dirixida desde o xulgado número 1 de Ordes e contou coa colaboración de axentes dos Grupos de Estupefacientes da Comisaría Provincial de Ourense e de León, así como da Xefatura Superior de Policía de Galicia.
O xulgado decretou o ingreso en prisión de 31 detidos e autorizou 25 rexistros domiciliarios. O total da droga intervida alcanza os 1.450 gramos de cocaína, 865 gramos de marihuana, 105 gramos de haxix.
De igual modo os axentes interviñeron máis de 42.000 euros en metálico, dous vehículos uno deles de alta gama, 20 básculas de precisión, 4 armas curtas, 305 cartuchos de armas curtas sen detonar , unha arma longa, unha pistola eléctrica, 1 fusil de asalto simulado, 26 teléfonos intervidos, 23 balanzas de precisión, unha prensa hidráulica, 6 envasadoras ao baleiro, así como diversas armas brancas, puños americanos e dagas, entre outros.
A operación non se da por rematada polo que poderían darse máis detencións.