Ordes, 7 de outubro do 2019 – Por primeira vez nos seus máis de 40 anos de historia a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes estará presidida por unha muller.
Trátase de Susana García, concelleira de Política Social, Igualdade, Educación e Traballo de Ordes, será a máxima responsable da mancomunidade de cara aos vindeiros catro anos.
Non será a única do seu xénero en formar parte da actual corporación. Na imaxe do pleno de organización da Mancomunidade, que tivo lugar hai escasos días, tamén figura Josefina Suárez, nova alcaldesa de Trazo, quen ostenta o mérito de ser a primeira no seu cargo.
Outro membro que se estrea no ente supramunicipal é Eduardo Antonio Pereiro, alcalde de Tordoia.
Polo demais repítense os nomes propios dos representantes, todos eles alcaldes, do resto de municipios. Manuel Mirás no caso de Oroso (onte asistiu Antonio Leira), Roberto Rey (antigo presidente) por Frades, Mariano Iglesias por Mesía e José Liñares por Cerceda.
As sesións plenarias terán lugar o primeiro luns hábil de cada mes.
