Ordes, 29 de setembro do 2017 – O vindeiro sábado, 30 de setembro, o Concello de Ordes asinará os convenios e acordos con diversas entidades deportivas, asociacións e clubs do municipio.
O goberno municipal destinará as entidades deportivas máis de 48.000 euros para o seu mantemento e de cara á promoción do deporte.
Serán a S.D. Club Órdenes, a A.C. Ordes e o Jogafán F.S. cos que se formalizará o contrato para continuar coa súa actividade como escolas municipais de fútbol, hóckey e fútbol sala respectivamente. Tamén participarán o Club Patinaxe Galia, a Asociación Deportiva de Taekwondistas da Comarca de Ordes (ADTCO), a S.D. Santa Cruz de Montaos e A.D. Vila de Ordes.
O acto de asinamento terá lugar durante a mañá no salón de plenos do antigo consistorio, e a el asistirán os principais representantes de cada unha destas entidades, ademais do alcalde e a concelleira de Deportes do Concello de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira.
Cómpre sinalar que a política en prol do deporte local pasa tamén pola concesión de subvencións nominativas a determinados deportistas locais con resultados destacables e notorios nas súas modalidades. Unha medida implantada polo Goberno de Martínez Sanjurjo, quen recentemente manifestou a súa predisposición a “designalas e entregalas o antes posible, unha vez aprobados definitivamente o orzamentos locais”.